/script> Edicions de la Universitat de Barcelona
 
  logo
Llibres de ciència, cultura i actualitat
Desembre
2014
Novetats editorials d’Edicions de la Universitat de Barcelona
Dilluns 1 de desembre

Novela negra ou hibridación do xénero?: a cara máis íntima do mal en Todo é silencio de Manuel Rivas
María Xesús Lama López (Universitat de Barcelona)

«Manuel Rivas (A Coruña 1957) é un autor versátil que leva explorados diferentes xéneros (poesía, novela, relato, teatro, ensaio, artigos xornalísticos) e que nos sorprende en 2010 cunha novela de xénero negro cun título bastante significativo: Todo é silencio. O ocultamento do crime como feito moral — obxecto da novela detectivesca segundo Sigfried Kracauer — é aquí un motivo fundamental, pero cunha peculiaridade, unha máis nunha novela singular no xénero: todo o mundo sabe e participa no negocio do narcotráfico, e por iso tamén todo o mundo cala e participa na súa ocultación, convertendo a actividade delictiva nunha realidade subxacente que manexa na sombra os fíos das relacións sociais e incide no desenvolvemento vital de cada individuo, de xeito que os personaxes aparecen como monicreques sen control do seu destino.

»Rivas iniciou a súa xeira literaria como poeta, participando en recitais e concursos ata a publicación de Libro do Entroido (1979), ao que seguiron Anisia e outras sombras (con Xavier Seoane, 1981), Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1987) e Ningún cisne (1989). Cunha incursión na novela dirixida a público xuvenil, pero cunha trama policial evidente (Todo ben, 1985), anuncia un interese polo xénero narrativo que se desenvolve plenamente xa na década seguinte, a partir da publicación do libro de relatos Un millón de vacas (1989) e a novela Os comedores de patacas (1990). Dende entón regresa esporadicamente á escrita poética, mais interesa sinalar este impulso lírico inicial porque revela un rexistro esencial que impregna toda a súa produción, construíndo o que poderiamos representar como unha liña helicoidal interxenérica que se manifesta na súa obra desde o comezo cuns poemas que reflectían a busca da narratividade e a impregnación do cotián, rompendo co venecianismo imperante na xeración lírica dos oitenta. Doutra banda a pulsión poética, derivada máis da particular ollada sobre a realidade que do seu manexo da lingua, está presente tamén en toda a súa obra narrativa e aparece agora proporcionándolle a esta achega ao xénero negro unhas características peculiares e ben persoais.

»Foi xa abondo estudado o desenvolvemento do xénero no ámbito peninsular durante o período da transición, asociado coa influencia de filmes e teleseries de acción, co cansazo tanto da esixencia ética de compromiso na creación artística, vencellada ao realismo social, como dos excesos experimentais da narrativa anterior, e mais co reflexo dun sentimento de crise social e de valores.»


 
 
logo